A
parroquia de San Estebo de Pedre está composta por tres
lugares: Pedre, Serrapio e Vichocuntín.
Ofrece ós visitantes un dos conxuntos artísticos con casas
e canastros de pedra que son un bo exemplo da arquitectura
popular galega.
O nome de Pedre deriva do latín da verba "Petrix",
que significa "Lugares construídos sobre terreo pedregoso".
Pedre
está emplazado nunha especie de praza que ten unha superficie
con plataforma granítica de grandes dimensións da que toma
o seu nome. Historicamente é unha parroquia que se distingue
polo gran patrimonio artístico, cultural e relixioso
que aínda posúe.
Respecto
ó patrimonio relixioso, hai que destaca-la Igrexa que
se atopa na Eira Grande. Esta igrexa é anterior ó século
XVII xa que hai datos que confirman que xa nese século estaba
rematada.
Frente á igrexa, no adro, hai un relevo que probablemente
estaba situado na fachada da igrexa, é de estilo gótico
e data dos séculos XV e XVI, representando a Crucifixión
e a Adoración dos Reis Magos. .
No
que respecta ó patrimonio civil hai que cita-la chamada
Casa Grande, que está no Quinteiro de Salgueiro.
Foi feita na época da Inquisición e data do ano 1600. Ten
unha impresionante lareira que facía a función de cociña,
dentro da mesma ten un vello forno, e nunha das paredes
unha abraiante cheminea toda de pedra. A casa pertencía
a un Xuíz que logo a vendeu ó señor Bermúdez de Serrapio
e éste en anos posteriores vendeulla ó avó da dona actual
en 1905 por 5.000 pesetas.
Formando
parte do antigo camiño de pelegríns atópase unha
fermosa ponte romana, formada por tres arcos .
Nas
xa citadas eiras, como a Eira Grande pódense ver
oito canastros, a maioría de dous claros, e algún deles
pertencen a dous veciños ou máis. Na mesma eira hai outra
máis pequena chamada a Eira do Pallal, onde se xuntaban
os veciños para malla-lo centeo , e onde hai cinco canastros
, todos restaurados.
Pedre é unha terra de Canteiros e un dos máis destacados
é Don Tiburcio Álvarez, que naceu a principios do século
XVIII. Entre outros sitios o señor Álvarez traballou na
igrexa de Pedre no ano 1767. Xunto cos seus veciños, tamén
canteiros, Pedro Bugallo pai e fillo, fixo as escaleiras
dos coros alto e baixo así como o enlousado da igrexa, entre
outras obras.
En Vichocuntín, aldea fermosa e
cunha encantadora atmósfera pantasmagórica, xa que está
condeada polo futuro e sempre teórico proxecto dun encoro,
destacamos unha ponte romana, composta por un so arco rebaixado
duns 35 m de longo e vintecinco de alto, con barandas de
pedra concertada e lucida, obra dos canteiros da terra.
Neste lugar de Vichocuntín destacamos tamén un peto de ánimas
cun cruceiro moi alto. O capitel do cruceiro presenta un
anxo a cada lado e un capitel con moitos enfeites. No anverso
do crucifixo ten representado a Cristo crucificado e no
reverso ten á Virxe Inmaculada pregando.
En
Serrapio hai un gran outeiro onde se sitúa a capela
de San Lourenzo en honor a este santo, de planta rectangular,
portada adintelada, pináculo nos extremos e espadaña central
de doble corpo. O tellado está cuberto a dúas augas. Esta
capela é de estilo barroco do século XVIII.
Preto dela podemos admirar varios cruceiros e un vello pombal.