A
parroquia de San Pedro de Parada está composta polos lugares
de Framil, Ínsua, Mouteira e Parada, que é un topónimo frecuentísimo,
moi usado nos camiños galegos e deriva de "Mansio Parata",onde
se cobraba a "parata", imposto obrigado na época
medieval. É unha parroquia que conta con catro entidades de
poboación, separadas entre sí uns cen metros, formando grupos
de casas concentradas facendo un círculo, na actualidade a
media de idade da poboación sobrepasa os 50 anos.
Destaca
principalmente pola súa artesanía e folclore; foi
terra de tecedeiras. As mulleres xuntábanse cada día nunha
casa, e alí fiaban o liño e contaban contos rematando o día
cunha romería, xa que había grandes pandereteiras.
Á
Beira do río Lérez, por baixo da ponte do Pego existe un manantial
de augas termais onde a xente íase bañar e busca-la preciada
auga.
No
patrimonio arqueolóxico cabe destaca-lo castro
no que se levanta a Capela do Pego, e os petrogrifos
dos montes de Parada. Na estrada que vai de Chacente a Parada
pouco antes de chegar ó quilómetro 9 a uns 40 metros da beira
esquerda sobre unha laxa de granito de grao fino situada a
nivel do chan e cunha lixeira inclinación, obsérvanse bastantes
figuras de cérvidos, xunto con combinacións circulares e figuras
de varios tipos. Posteriormente foron gravados diversos motivos
circulares cunha cruz inscrita e cazoletas nos ángulos así
como varios cruciformes e trazos típicos.
Tamén
merece especial atención a ponte Parada, no Lérez. Foi camiño
de peregrinaxe xacobea, e dos arrieiros de viño da comarca
do Ribeiro e Castela. E unha obra claramente romana e atópase
en bó estado de conservación.
Parada
goza dunha riqueza forestal e paisaxística de formidable
valor, abundan as especies autóctonas como o carballo e o
castiñeiro formando carballeiras e soutos. Á beira do río
alinéanse ameneiros, abeleiros e amendoeiros.